Sunday 12 de May de 2024

Vimianzo comeza as tarefas de limpeza e adecentamento do castro das Barreiras


Trátase dun conxunto patrimonial fundamental para comprender a historia do municipio vimiancés.
O Concello de Vimianzo comezou onte á tardiña coas tarefas de limpeza e adecentamento do castro das Barreiras. Trátase dun conxunto patrimonial fundamental para comprender a historia do municipio vimiancés. A natureza do xacemento permite unha técnica mixta: traballos mecánicos nas zonas do recinto sen estruturas monumentais á vista e manuais naquelas zonas onde sexa factible, fundamentalmente no terraplén, muralla e foxo.
A administración local recibiu esta semana a autorización da Xunta de Galicia para acometer estes traballos, que xa se puxeron en marcha e así o farán durante os vindeiros días.
O Castro das Barreiras é un xacemento de especial interese, xa que se aprecian claros vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto superou os 8 metros de altura. Estas defensas non son habituais nos xacementos castrexos, e amosan que este castro foi no seu día, un poboado importante.
Ademais da propia limpeza do conxunto fortificado, vixíase o estado de conservación da zona escavada, que hoxe permite ao visitante poder ver os restos de diferentes construcións circulares e imaxinar como serían as vivendas dos veciños galaicos deste castro. Polo momento non se encontraron estruturas
romanizadas.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, declara que ‘trátase de tarefas que nos permitirán poñer en valor unha parte moi importante do noso patrimonio, xa que no seu conxunto está considerado por moitos expertos como unha xoia no noroeste peninsular’, apunta a rexedora.